 
 
A Fiscalía Superior anuncia que prepara coa Xunta un protocolo de loita contra este tipo de escravitude. O PSdeG di que a ocultación non resolve o problema.
 
											Máis da metade das vítimas eran brasileiras
As operacións levadas a cabo polas Forzas de Seguridade do Estado en Galiza para a desarticulación de redes de trata e explotación sexual de mulleres identificaron no período 2005-2008 un total de 1.847 vítimas, a maior parte de orixe estranxeira. 
  Explicouno esta cuarta feira o Fiscal Superior, Carlos Varela, durante a inauguración dunha xornada en Compostela en conmemoración do 'Día Internacional en Contra da Explotación e Trata de Mulleres e Nenas'. 
  
Neste evento, o fiscal informou de que no período 2005-2008 se realizaron 460 intervencións por parte da Garda Civil en relación a clubs de alterne e a Policía Nacional desarticulou un total de 59 redes de tráfico de mulleres. 
  
En canto ás características das implicadas na trata, Varela afirmou que naquel período, o 95,9% eran estranxeiras, concretamente, o 51,4% brasileiras, o 13,15% colombianas, e o 12,4% romanesas. A procedencia das vítimas está a mudar: das 141 mulleres identificadas no que vai de ano, o 39% eran romanesas e o 29% brasileiras. Ademais, o 14% estaban en situación irregular. 
  
No noso país existen organizacións dedicadas ao tráfico de mulleres, principalmente de nacionalidades romanesa e brasileira, que "actúan en conivencia cos donos dos clubs". As rutas de chegada dependen "en boa medida da orixe das mulleres". 
  
Por outra banda, Varela anunciou que a Fiscalía Superior está a ultimar xunto coa Xunta o 'Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas do tráfico de persoas con fins de explotación sexual'. 
  
Este documento, "pioneiro en España", constará de tres partes, unha relativa aos dereitos e obrigas das vítimas, outra sobre o réxime penal e procesual da trata de mulleres e o último sobre o programa de prevención, acollida e asistencia, que incluirá un estatuto especial para as vítimas. 
  
PSdeG: "Evitar a visibilidade non elimina a explotación" 
Ao respecto, a portavoz de políticas sociais do PSdeG, Laura Seara, reclamaralle este martes á Xunta que puxese en marcha accións de "atención e protección" ás vítimas da explotación sexual. Exixiu, entre outras cousas, "o dereito á asistencia social e xurídica gratuíta" para este colectivo.
"Reducir o problema da explotación sexual das persoas a evitar a súa visibilidade é algo que os homes e mulleres socialistas nin compartimos nin podemos aceptar de ningún modo", asegurou. Neste senso, dixo que a retirada das prostitutas das rúas non elimina a explotación.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto