Vai facer un ano que Fuxan os Ventos volveron aos escenarios. Daqueles concertos celebrados no Auditorio de Galicia en Compostela os días 18 e 19 de outubro de 2008, naceu o disco Terra de soños, que vén de editar BOA Music. Trátase dunha publicación dobre en formato digipack: o cd inclúe 20 cancións, e o dvd 28 temas gravados en vídeo ademais dun making off con entrevistas a músicos da banda, convidados, colaboradores e grupos actuais.   
 "O carro"  
Terra de soños é o noveno disco de Fuxan os Ventos ao longo dos seus 38 anos de historia. Con Antón Castro, que se incorporou á banda no 1983, percorremos a traxectoria do grupo a través de cinco dos seus discos máis relevantes:     
Fuxan os ventos (1976): “Temos un país e temos quen o cante” 
  A banda formouse en 1972 co nome de Folk 72. Catro anos despois publicaban o primeiro dos seus catro discos con Philips-Fonogram. Antón Castro lémbrao así: “Eu aínda tiña 18 anos, pero acórdome como se fose hoxe de estar con Mini en Lugo escoitando o disco cos pelos de punta. Para os que nos iniciabamos no galego e no que era Galiza, foi unha toma de conciencia máis fonda do que xa tiñamos. Neste disco xa se descobre que Fuxan os Ventos é un grupo comprometido co seu tempo. A moitos axudounos a dicir que non estamos sós: temos un país e temos quen o cante.     
Sementeira (1978): “Un disco emblemático e moi definidor” 
  Logo de 
O tequeletequele e 
Galicia canta o neno, chegou o disco que acadou maior éxito, e que os proxectou con forza fóra de Galiza. “Foi un gran bombazo, con dous temas que se converteron case en himnos e que marcaban as dúas liñas principais do grupo: as pezas con letras de grandes poetas contemporáneos, como 'Sementeira', escrita por Luis Álvarez Pousa, e a actualización da música tradicional, con 'A Carolina'. Foi un disco emblemático e moi definidor”.   
Noutrora (1984): “Había que ser moi coidadosos coa parte instrumental” 
  No 81 publican co selo galego Ruada 
Quen a soubera cantar. En 1983 dáse un cambio importante na formación, coa saída de Mini e Mero e a incorporación dun trío de instrumentistas, entre eles Antón Castro: “Nese momento houbo unha posta en común, decidimos que había que integrar acordeón e gaita e ser moi coidadosos coa parte instrumental. Redefinimos musicalmente o grupo a partir das carencias que había de atrás. Foi un disco que traballamos moito en directo, e no que despuntan 'A costureira' e 'Iste vaise'”.   
Sempre e máis despois (1999): “Buscamos o arroupo instrumental que queríamos ter en directo” 
  Pasaron 15 anos ata que volveron publicar un disco. “Foise facendo pouco a pouco, traballando moito sobre temas tradicionais, especialmente romances. Na elaboración dos temas buscamos o arroupo instrumental que queríamos ter en directo. Tamén houbo unha evolución vocal: de usar dúas ou tres voces pasamos a cantar a catro ou cinco voces. Tivo unhas vendas moi boas, que axudaron a manter de actualidade ao grupo. Foi aí cando se empezou a falar de volver a xuntarnos para tocar en directo”.   
Terra de soños (2009): “O  soño de reelaborar temas xa míticos e darlles un selo novo” 
  A fin dunha paréntese de 20 anos sen tocar en directo produciuse o ano pasado, co proxecto que agora se recolle en disco. “A concepción musical é a de respectar a dos últimos traballos. Para achegarnos aos temas de atrás, pensamos que debiamos contar con alguén novo que os reelaborase, e aí apareceu Xosé Luís Romero, que concibiu o tipo de instrumentación que queriamos. Foi unha sorpresa contar con grandes músicos novos que sentían a emoción de tocar con Fuxan os Ventos, e con colaboradores que se entregaron totalmente:Uxía, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní, Xabier Díaz, Guadi Galego, Mercedes Peón, Miguel Lustres ou Sabela Rodríguez. 
Terra de soños é o soño de reelaborar temas xa míticos e darlles un un selo novo”.
 "Ancares"