 
“Compre sumar a prol da lingua”. Esa era a portada do anterior número de Irimia e iso foi o que se puido ver o 18 en Santiago: unha gran suma (máis de 50.000 persoas) na defensa do noso idioma. Así comeza esta breve reflexión de Lupe Cendal sobre lingua, sociedade e partidos políticos.
Os que están dalgunha  maneira en contacto coa normalización saben (e penso que os que non  o están tamén) como se xestou esta manifestación e quen está detrás  da plataforma que a convocaba. Que unha organización política (neste  caso o BNG) tome a iniciativa e poña en marcha toda a súa maquinaria  para mobilizar a sociedade galega na defensa da súa lingua é de agradecer.  Como tamén é de agradecer a presenza do PSOE e dun ministro de Zapatero  (sabendo que lle vai caer enriba a dereita mediática) ou a de miles  e miles de persoas que sen pararse a mirar a militancia ou militancias  dos que sostiñan as pancartas se puxeron detrás delas. O problema  é que todos sabemos que a “xenerosidade” partidista non existe  e que chegará o momento no que queiran tirar réditos do seu investimento.  E aquí está o nó da cuestión. Mentres a defensa da lingua se entenda  como unha estratexia de partido e se queira patrimonializar no beneficio  propio, as posibilidades de éxito son poucas e, de habelas, van ser  sempre vistas como unha “imposición” dunha parte sobre a outra.  Mentres os que sosteñen as pancartas no escenario teñan unha determinada  filiación e os que toman a palabra teñan recoñecida militancia, aínda  que saian á rúa 50.000 persoas a estratexia sempre vai ter flancos  débiles doados de atacar (para mostra a entrevista de Carlos Luis Rodríguez  a Carlos Callón no programa Foro aberto  da TVG). 
Se queremos un futuro  para a nosa lingua é preciso que sexa a sociedade civil a que asuma  o protagonismo da súa defensa e que as forzas políticas e os seus  satélites se poñan na segunda fila. E poñerse na segunda fila significa  animar sen tutelar, participar sen impoñer, alentar sen fagocitar e,  sobre todo, renunciar a saír na foto porque, como dicía Henrique Monteagudo  hai uns días nunha entrevista, “a excesiva identificación do galego  co nacionalismo é malo para o galego e malo para o nacionalismo”.  E quen sabe, se a longo prazo, incluso, esa estratexia non lles daría  mellores réditos!
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto