Na bolsa, unha  empresa que se sinte forte lanza unha OPA para adquirir un número de  accións “significativo” doutra empresa debilitada, de maneira que  lle permita decidir sobre esta última. A OPA é hostil cando se fai  sen coñecemento da empresa “agredida”.
   O catolicismo  Romano lanzou aí atrás algo así como unha OPA hostil contra a Igrexa  anglicana, que vive días azarosos pola ousadía de querer saír das  tebras dun pasado que, por máis que porfíen algúns, é distinto có  presente. Desta maneira, por medio dunha “nota”, o Vaticano anticipa  o que fará: dar acollida a anglicanos descontentos -din- coa “ruptura  coa tradición” do anglicanismo. E agora non hai problema en dispensar  do celibato aos sacerdotes anglicanos casados que se queiran cambiar  de barrio.   

 A nota vaticana xustifica a operación, xa que esas “desviacións”  teñen, seica, unha enorme gravidade, pois son cousas tales como: dar  un trato institucional igualitario a homes e mulleres, permitindo a  ordenación destas; revisar a secular concepción negativa e represora  sobre a sexualidade; non privar de seren sacerdotes a aqueles que se  senten homosexuais e así o recoñecen; nin privar da bendición de  Deus ás parellas crentes do mesmo sexo. Vade retro, demasiado sexo  xunto!. E, “
excusatio non petita,  vaticanio manifesta”, a nota di que, diante da avalancha de peticións  de fieis e presbíteros anglicanos que escapan de tamañas desviacións,  a Igrexa católica non podía deixalos sen resposta.   
  Anécdotas  á parte, xogámonos cuestións de calado: cal é o papel da relixión  nesta sociedade? Haberá xente, claro, que diante do desconcerto reinante  sobre case todo, teña necesidade desa volta ao pastoreo autoritario,  firme, por aquilo de que as rodas de muíño ben engulidas dan moita  seguridade. Pero, fronte a ese regreso á furna, habería moito cristián  do nososeñor que, abandonadas xa as pretensións dunha Igrexa fetén  e ultraprofética, agradecería simplemente un espazo onde seguir sendo  deste século, sen negar a súa tradición, sen renunciar a abrirse  ao Misterio e podendo fundamentar a vida en categorías de amor e solidariedade,  para o cal, a sabedoría do noso pai, das benaventuranzas e das paraboliñas  do evanxeo, teñen moito que dicir.