 
O programa Vai de rotieros! abrangue a totalidade da xeografía galega e  zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os  valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a  coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que  transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades  relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado  gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre  asociacións, entre outras finalidades. 
 
Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de  Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que  tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e  reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso  impacto sobre el. 
 
O percorrido previsto é circular e seguirá o seguinte itinerario: lagoa  de Orbenlle, Orbenlle, barreira de Orbenlle, turbeira do Cerquido,  barreira do Cerquido, turbeira de Albelos, Ribadelouro, e lagoa de Orbenlle. 
 
Esta actividade divulgativa terá un compoñente de voluntariado de  limpeza xa que ó comezo se repartirán bolsas de plástico ás persoas que  o desexen para que se vaia retirando o lixo que se atope durante a ruta  para o seu posterior depósito en contentores de lixo e así contribuír á  retirada dos numerosos R.S.U. que se esparcen polo espazo natural. 
 
Entre os valores naturais que alberga o L.I.C. das Gándaras de budiño e  Ribeiras do Louro están Hábitats prioritarios segundo a Directiva  hábitats como as turbeiras e os bosques de ribeira (aquí atopamos o máis  extenso de Galicia), Hábitats de interese comunitaria como as breixeiras  húmidas, varias especies moi ameazadas e cunha área de distribución moi  restrinxida en Galicia como o sapoconcho común (Emys orbicularis), ou  parrulos como o charneco común (Anas crecca) que atopa nas Ribeiras do  Louro o seu único punto de cría regular na Península Ibérica. Ademais,  as Ribeiras do Louro constitúen unha das tres zonas húmidas interiores  máis interesantes de Galicia. 
 
No tocante ás desfeitas que padece este espazo natural salienta a  contaminación do río Louro malia que existe unha E.D.A.R. construída xa  en 2006 para atallar este problema e que aínda está sen funcionar polo  desleixo de diferentes administracións: Consellaría de medio Ambiente e  Desenvolvemento Sostible, Confederación hidrográfica do Norte, e  Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Outros problemas  ambientais son a perda de superficie protexida do L.I.C., a falla da  posta en marcha do Proxecto de restauración, conservación e uso público  deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente,  o estado ruinoso do Centro de Interpretación da Natureza que custou  perto de 450.000 euros, o lixo que aparece espallado polo lugar e as  agresións que se suceden de xeito impune e repetido. 
 
Dende Verdegaia esiximos a protección do L.I.C. das Gándaras de Budiño e  Ribeiras do Louro mediante o estricto cumprimento da lexislación  vixente. Así mesmo, esiximos a inmediata posta en funcionamento da  depuradora de Guillarei, a recuperación da superficie incluída na Rede  Natura até un mínimo de 872 hectares, a licitación do Proxecto de  restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado  en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente e o equipamento e apertura do  Centro de Interpretación da Natureza de Orbenlle. 
 
Esta é unha actividade que está englobada na Campaña Rede Natura 2000 de  Verdegaia, campaña que a nosa asociación leva a cabo en diferentes  espazos da Rede Natura 2000 de Galicia e que ten como fin garantir a  adecuada conservación dos espazos naturais que conten con esta figura de  protección europea. Dentro desta interesante campaña, o Núcleo Comarcal  de Verdegaia-Vigo ten “apadriñado” o espazo natural das Ribeiras do Louro. 
 
O percorrido é de dificuldade moi baixa e realizarase coa axuda dun guía  da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes  aspectos que se vaian observando ao longo da xornada. 
 
O roteiro durará a metade do día polo que cómpre levar comida, calzado e  roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e  gratuito para todas e todos. 
 
O roteiro organízase en transporte público colectivo para non empregar o  vehículo privado e así non contribuír ao avanzo da mudanza climática.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto