A  última vez que estiven no Courel xa o verán daba as derradeiras  boqueadas, as primeiras follas empezaban a caer e os ourizos a regañar  no alto dos castiñeiros, amosando o saboroso froito que agora case  non hai quen o apañe, ficando estrado polos soutos a mercé de xabarís,  esquíos e ratos. As castañas foron durante séculos mantenza de ricos  e de pobres, dende que caían as primeiras ata consumir as derradeiras,  enferruxadas polo fume do caínzo, pero sempre reservando algunhas para  repartir entre todos os da casa o primeiro de maio, “para non esmaiarse”  o resto do ano. Dá mágoa ver os vellos castiñeiros convertidos en  caracochas de par de aldeas abandonadas, casas derrubadas e terras ermas.   
 Ermida de San Roque.         Un  deses lugares onde a soidade penetra ata o íntimo do sabugo dos ósos,  quizais porque xa non esteamos afeitos a vivila, a escoitar o bulicio  silandeiro da natureza, é o de Vilar, na parroquia de Vilamor, dende  o que se enxerga ao lonxe a igrexa empolicada nun outeiro, vixía dominante  de paisaxes infindas e testemuña de feridas sangrantes, como a louseira  de Folgoso.
        En  Vilar vive unha soa persoa, Xan de Vilar, un home namorado da súa terra  do Courel, que se resiste a desleixarse dela. Un deses seres singulares  que nacen coa natureza e con ela queren finar. El sabe que o seu mundo  agonizou e para que non o devore o esquecemento e apreixar o tempo ido,  creou un museo, unha morea desordenada de obxectos imprescindibles cando  naceu, que agora non son máis que trastes vellos e dentro de non moitos  anos nin iso: pezas raras de coleccionistas, verbo das que etnógrafos  e antropólogos tirarán raras hipóteses e insólitas conclusións.  
       Chégase  ao lugar entre castiñeiros centenarios, coas casas confundidas entre  eles agás no inverno, que a ausencia do vizoso verdor permite albiscar  a situación real de abandono. Dende o inmenso souto vaise ata un dos  miradoiros máis impresionantes do val do Lor, coroado polos restos  dun poboado castrexo asentado nun meandro do río de cantís case verticais,  a non ser por un estreito paso.
         Antes  de entrar na acrópole (lugar non apto por perigoso para nenos e persoas  maiores), hai unha ermida dedicada a Roque, o santo peregrino de tanta  devoción entre as nosas xentes, avogoso da reuma, mal corrente nas  terras de clima húmido como a nosa. É unha construción antiga, coa  fronte aberta e protexida por unha reixa de madeira, para que fiten  o interior os que pasan por diante sen precisar abrir a porta. O abandono  tamén chegou a ela, e se seguen dentro as imaxes –a Virxe do Carme,  San Sebastián e San Roque- é por seren de escaso valor, polas que  non dan nada os anticuarios: aquí un vello confesionario de banco,  acolá un atril de pé para poñer o misal nos actos solemnes... Todo  zumega tristura e arrecendo a ermo.  
 Interior  da ermida de San Roque.
         Un  día -non puiden saber cando- chegou alguén e, como outros moitos,  namorouse do lugar. Pero este quixo deixalo por escrito tal se fose  un testamento, combinando o deseño simbólico coa verba clara. Unha  lección de teoloxía destinada a crentes e profanos, quizais non tan  ortodoxa como quixesen uns, nin tan heterodoxa para outros, pero si  ateigada de amor á natureza enteira: dende o máis grande e poderoso  ata o máis humilde e sinxelo, dende a lúa e as estrelas ata o caracol,  o cervo, o peixe, o moucho... Un pequeno icono con Cristo espido pero  non crucificado, que non preside o ollo de Deus, pero vixía:     
       Cada  vez que visito o Courel fago por achegarme á ermida de San Roque de  Vilar, a cumprir o ritual que me impuxen voluntariamente: turro pola  corda e fago que o badalo pete con forza na pequena campá. O son esténdese  entón pola contorna, cabalga polos vizosos soutos, se están coa flor  da candea ou cos ourizos regañados mostrando as castañas, polas terras  ermas que deron moito pan ao longo dos séculos, e polos montes esgrevios  cubertos de uceiras. Unha única badalada abonda para crebar o silencio  e facer que o alento de esperanza volva a estas terras fermosas.