Hai un mal xeralizado na  esquerda,  que cre que as eleccións se gañan coa imaxe, que pensa que queremos  xente guapa gobernando con discursos politicamente correctos. Cada  tendencia  política do noso país sufre determinados tics que, segundo máis se  abusa deles, fanse máis insoportables para os cidadáns.
				 
				
					      A dereita  tende a pecar de chulería, apegada ao éxito económico e empresarial  de gran parte da súa base social, parece vivir nun mundo no que, quen  non trunfa, non merece respecto. Sen embargo, a esquerda peca de  solidarismo:  crea vítimas sociais onde non as hai, carameliza de tal forma o debate  político que parece máis cerca da utopía que da realidade, apela  de tal forma aos sentimentos que acaba creando a sensación de  incapacidade  de gobernar en tempos duros: parece que só saiba repartir caramelos.  Os nacionalismos temos tamén pecados orixinais que con demasiada  frecuencia  nos negamos a tratar ante a evidencia do noso escaso peso político,  pensando que a reflexión nos esmorece e agranda aos que nos critican.  Entre todas estas tendencias, hai demasiados necios que pensan que teñen   a razón, e que a súa razón é a única razón. Para eles faría falta  unha pronta xubilación anticipada. 
 Gobernar é tomar decisións  con recursos escasos, e canto máis cerca se está dos lugares públicos,  máis clara se ve a voracidade coa que consumimos os cartos de todos.  Constátase a enorme dificultade de saber elixir cales son os destinos  máis atinados para uns recursos públicos sempre escasos para as  crecentes  necesidades sociais que xeran as nosas sociedades opulentas. Creamos  un sinfín de dereitos que precisan dunha cobertura económica que  demasiadas  veces está menos garantida do que os nosos gobernantes lle contan á  prensa. O delirio económico que nos caracterizou nos pasados anos,  nos que parecía haber cartos para gastar a esgalla, rematou. Necesitamos   priorizar, pero ademais todos debemos traballar para saír adiante,  incluso os que teñen traballo, fundamentalmente eses.  Un discurso obstinadamente  optimista, en vez de xerar confianza, asfalta o camiño para os  especialistas  en reformas, para os que non necesitan pedir perdón cando se trata  de sacar as tesoiras para recortar. Cada político ten que buscar a  súa lexitimidade no que fai, non no que di, nin no que promete.