-   Neste momento da historia    do patriarcado, as mulleres como colectivo podemos expresarnos  publicamente.    A nosa palabra de mulleres é unha palabra diferente e nosoutras  decidimos    afrontar o reto de dicila. 
-   Ao longo da historia    do patriarcado, as mulleres como colectivo padecemos un dominio e un    control sobre o noso corpo, sobre a nosa sexualidade, sobre os nosos    embarazos e partos. Agora estamos a entender que somos o noso corpo    e que este -teña as condicións que teña- non é indigno nin motivo    de vergonza.  
- Ao longo da historia, as mulleres    como colectivo dedicamos o noso tempo e as nosas enerxías a parir,    a alimentar e a criar vida. Por iso, partimos dunha confianza e dun    respecto básicos nas decisións das mulleres como colectivo fronte    a todo o relacionado coa vida.
- Sabemos que o  aborto sempre supón dor, sufrimento e traxedia. E por iso entendemos  que, basicamente, é un mal. Ao longo da historia do patriarcado  e ata a actualidade, sempre se realizaron abortos: unhas veces para  dominar uns pobos sobre outros, outras por decisións políticas; algunhas   veces por decisión de homes para evitar escándalos públicos, e outras  tamén por decisión das mulleres embarazadas debido a múltiples motivos.
- Nós, mulleres,  cristiás e galegas, queremos vivir e facer reflexión desde a nosa  fe nun Deus que integra masculino e feminino nun respecto fondo pola  diversidade dinámica da vida en continuo movemento e transformación.  Queremos vivir e facer reflexión desde a escoita das palabras e da  vida do noso irmán Xesús, amigo e defensor dos dereitos das mulleres  por riba das normas sociais e relixiosas do seu tempo. Queremos vivir  e facer reflexión inspiradas polo Materno Espírito que o impregna  e vitaliza todo. Queremos vivir e facer reflexión seguindo os pasos  doutras mulleres crentes que nos antecederon e que recoñecemos como  nosas irmás maiores: María a nai de Xesús, María a Magdalena e as  demais discípulas e seguidoras activas da Boa Nova do Evanxeo.
- Polo tanto, e como   consecuencia de todo o anterior, consideramos deslexitimada e non  vinculante  a palabra oficial da xerarquía católica en relación á cuestión  do aborto.
- E entendemos  que nosoutras temos o dereito de existir e vivir en liberdade e de  decidir  sobre as nosas vidas.  
tendo en conta todo  isto:1. Entendemos que a  cuestión  do aborto é unha cuestión complexa, que toca moitas dimensións  (relacional, sexual, social, legal, moral...) e que ten que ver coa  vida e polo tanto é unha cuestión fronteiriza. 
  2. Queremos que as  institucións  públicas e a sociedade civil en xeral tomen medidas e utilicen recursos  para acompañar, asesorar e apoiar a calquera muller embarazada que  pense na posibilidade dunha interrupción do seu embarazo. 
  3. Non  queremos  xulgar a ningunha muller que tome a decisión de interromper o seu  embarazo.  De principio cremos no dereito de calquera muller para decidir por si  mesma sobre unha cuestión tan vital.
4. Queremos que calquera  muller –de calquera condición social ou económica- que decida a  interrupción do seu embarazo estea amparada por unhas prácticas seguras  desde a sanidade pública.  
5. Queremos que non se  penalice de ningún xeito as mulleres que, nun momento da súa vida,  deciden ou se ven abocadas a abortar.  
6. Defendemos unha  educación  afectivo-sexual integral desde instancias públicas para evitar chegar  a situacións non desexadas inicialmente.  
7. Traballamos por unha  sociedade que nos recoñeza a nós, mulleres, como cidadás de pleno  dereito desde a nosa orixinalidade e diversidade. 
  8. Traballamos por unha  Igrexa democrática e horizontal que deixe de actuar con dobre moral;  unha Igrexa que recoñeza a nosa palabra e as nosas decisións e que  respecte o noso proceder.