 
 
O marido impediu que a súa muller fose identificada polos axentes da Policía até que unha segunda patrulla cunha muller o fixese.
Unha muller que vestía a burqa en contra dunha ordenanza municipal de Novara, no Piamonte, foi condenada a pagar unha multa de 500 euros. Segundo informan axencias de noticias internacionais, é a primeira vez que se dá un caso así en todo o Estado italiano.   
  A moza de 26 anos e de nacionalidade tunisiana estaba na rúa en compañía do seu marido fronte a unha oficina de correos. Unha patrulla de policía detívose e dispúxose a identificala mais, o marido solicitou que fose unha muller a que o fixese polo que tivo que acudir unha segunda patrulla.   
  
Segundo medios internacionais, o home, de 36 anos, afirmou que a familia recorrerá a sanción, e que a súa muller seguirá a vestir a burqa porque non desexa que sexa observada por outros homes. Ademais, apuntou que a moza se verá na obriga de permanecer na casa a maior parte do tempo.   
  
"Complicado proceso de integración" 
"A Alcaldía adoptou a finais de xaneiro unha ordenanza que prohibe a burqa en lugares públicos e fixémola tendo en conta comentarios do ministerio do Interior, ao que enviamos o proxecto", sinalou Mauro Franzinelli, responsábel local da Liga Norte, partido que goberna o municipio.
  A norma baséase nunha "lei antiterrorista" de 1975 que prohibe vestir calquera prenda que oculte a cara e impida a identificación da persoa que a veste. O alcalde Massimo Giordano declarou que a introduciran porque é "a única ferramenta da que dispomos para atallar un comportamento que fai o xa difícil proceso de integración aínda máis complicado".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto