 
Aló polo o pasado ano, cando xa en Irimia escribíramos sobre as enormes dúbidas que rodeaban o barullo sobre a gripe A, apareceron aqueles vídeos en “youtube” de Teresa Forcades.
Esta catalana, doutora en medicina interna, que  fixo estudios avanzados en saúde pública nos Estados Unidos, ía  esmiuzando  o tema cunha enorme serenidade e dando datos precisos e científicos:  por que non era unha gripe tan “nova”, por que non había motivos  fundados para o alarmismo, como a Organización Mundial da Saúde de  maneira ben sospeitosa cambiou a definición oficial de “pandemia”,  para encaixar ese brote de gripe nese concepto tan alarmista e  mediático,  e os variados manexos, manipulacións e atentados da poderosísima  industria  farmacéutica, citando “fallos” nada inocentes de laboratorios como a casa Baxter.
   Os problemas da doutora  Forcades  foron dous: meterse coas farmacéuticas, dicindo en alta voz o que  bastantes  só ousaban dicía en voz baixa e, velaí a debilidade fundamental,  ser monxa bieita en Montserrat. E, ademais, teóloga feminista. A  reacción  do “sistema” de poder, foi bastante contundente, cunha contracampaña  baseada na descualificación persoal da relixiosa médica. O 1 de novembro   de 2009, El País publicou aquel fulminante artigo: “Desmontando a  la monja-bulo” . A estratexia de ridiculización da fonte estaba clara:   "El mérito de Forcades es que, a pesar o gracias al hábito, parece  seria y seguramente actúa con buena intención. (...) Como Mary Poppins,  ella también, entre cucharada y cucharada de azúcar, puede hacer  comulgar  (nunca mejor dicho) con ruedas de molino”. Noutro lugar inscribíase  a postura da doutora Forcades no conxunto de “teorías conspiratorias”.  Por certo que a reacción fronte a este intento de descualificación  por razón de “xénero e condición” –non polo que dicía e argumentaba-  foron enormes.
   As farmacéuticas volveron  gañar. Venceron sobre todos. Conseguiron que a presión obrigara  aos gobernos a forrarse de vacinas, das que seica había que poñer  dúas doses. A alarma foi tan disparatada como as ganancias das  farmacéuticas  en plena crise. Pero a xente, que é menos parva do que parece, non  se vacinou en masa e agora, para redondear o déficit público, hai  centos de miles de doses sobrantes. En toda Europa.
  Alguén debía pedir desculpas  a alguén. 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto