 
Gonzalo Gesto é membro de Panxea, a tenda de comercio xusto aberta en Santiago de Compostela en 1996 e que vén de reabrir as súas portas apostando polo consumo sostible e responsable. Á experiencia na comercialización e difusión de producións do Sur unen agora producións ecolóxicas da nosa terra, producidas igualmente con criterios de comercio xusto. Deste xeito, poderemos comprar dende o tradicional café ou cacao, a grelos, fariña ou patacas novas, segundo a época do ano
Panxea acaba de  reinaugurarse case que reinventándose. Se erades unha tenda de comercio  xusto, agora como vos definiriades?
Nun  principio Panxea nin sequera foi tenda, naceu como unha asociación que  tiña como obxectivo a promoción do comercio xusto, nun momento en que  isto era algo bastante novidoso en Galicia, xa que só existía unha  experiencia en Lugo levada pola Cova da Terra. Para isto, entre outras  cousas, instalou postos puntuais de venda de produtos de comercio xusto.  Non sería até finais do 96 cando se abra a primeira tenda, con traballo  voluntario.
E na actualidade xa moito  máis que tenda de comercio xusto.
Co pasar dos  anos Panxea foi diversificando  obxectivos e formas de actuación. Dende o principio sempre se fixo  sensibilización e difusión do comercio xusto e consumo responsable,  entendido na relación Norte-Sur, mais co tempo fomos descubrindo cousas  novas. A partir do ano 2002 fomos introducindo o concepto de soberanía  alimentaria porque nolo reclamaban os propios produtores que viñan do  Sur. Fíxeronnos ver como non tiña sentido só facer café ou cacao para a  exportación senón o podían tamén integrar nos seus propios mercados  locais. Isto coincidiu tamén coa crise do leite, o que nos permitiu  integrar os conceptos de soberanía alimentaria no Norte e no Sur, que  era o que os produtores nos reclamaban. Isto nos obrigaba a mudar o  modelo de tenda, sobre todo se queriamos introducir produto galego  producido en condicións de comercio xusto. Queriamos integrar a tenda de  comercio xusto, a introdución de produto local e fresco, así como ter  un local amplo que nos permitise desenvolver as actividades de  sensibilización ligadas a temas de economía solidaria en xeral.
Para esta nova experiencia creastes unha cooperativa.
A  asociación segue a existir, ligada ás actividades de sensibilización,  mais era necesaria a creación dunha cooperativa, fundamentalmente por  dous motivos: o económico, polo investimento de capital necesario para  iniciar esta empresa de economía solidaria, que queriamos pedirllo á  xente vinculada a Panxea; e pola necesidade de vincular máis aos socios nesta  experiencia, que teñen o papel fundamental súa xestión.
Esta crise económica na que vivimos, é un bo momento para  emprender esta aventura comercial?
Nós  entendemos que si, aínda que teñamos que estar pendentes da evolución  económica para consolidar, antes ou despois, a viabilidade da tenda.  Para nós tamén é un reto observar como o comprador de comercio xusto vai  responder ante a introdución de produto local fresco galego. Pero para  nós a crise comportou aspectos positivos: despois de buscar durante máis  de dous anos un local onde situar a tenda, agora comeza a haber en  Santiago locais comerciais a prezos máis axeitados a mercado, pondo freo  a eses prezos abusivos froito da especulación inmobiliaria que  existían. Pero sobre todo é unha aposta, o reto de facer empresas de  economía social, fronte aos modelos de especulación que se impuñan en  todos os eidos da economía. O modelo de crecemento exponencial, baseado  no crecemento disparatado da demanda chegou ao seu límite, levándonos á  crise que agora vivimos, nós pensamos que este tipo de modelo  empresarial é válido e pode demostrar que pode ser viable, entendendo a  xente que se pode facer economía doutra maneira.
Esta  non é unha experiencia nova, xa tendes referencias do funcionamento  doutras iniciativas no noso país.
Dende o ámbito  do comercio xusto temos experiencias similares, sendo o claro referente da Cova da Terra, en Lugo,  que funciona razoablemente ben, non só como tenda senón tamén como  centro de recursos e difusión. E dende as cooperativas de consumo  vinculadas á produción ecolóxica local, temos presentes as iniciativas  de Árbore, en Vigo, ou de Xoaniña, no Ferrol, que tamén teñen unha  grande experiencia.
O comercio xusto creceu  nos últimos anos, asentando o seu público, no medio dun fondo debate  sobre o seu futuro.
É un debate que se está a dar  en Europa e no conxunto do Estado. Esencialmente existen dous modelos  de futuro: aqueles que apostan por unha perspectiva integradora que  buscan a transformación social, seguindo os principios da soberanía  alimentaria, entre o que nos atopamos nós, e aqueles ligados ao concepto  tradicional do comercio xusto como axuda para o desenvolvemento do  chamado Terceiro Mundo, a través da venda dos produtos como axuda a eses  países. É este modelo o que xustifica a apertura da venda de produtos  de comercio xusto nas grades superficies comerciais.  A creación dun  selo específico de comercio xusto, coa que non estivemos de acordo,  responde a esta idea de que o esencial é chegar ao maior número de  consumidores posibles para poder vender máis. Cando nós o que observamos  é que os pequenos produtores por quen máis se senten asoballados son  polas políticas destas grandes superficies, tal como se denuncia no noso  país co tema do leite. Chegouse mesmo ao paradoxo de que grandes  multinacionais poden certificar que un dos seus produtos é de comercio  xusto.
Cal é o obxectivo desta  nova tenda e local de Panxea?
Nace coa idea de  que unha familia normal poda facer a súa compra habitual con criterios  ligados a comercio xusto e consumo responsable. É certo que non podemos  ofertar toda a gama de produtos que poda necesitar unha familia media,  pero podemos chegar a ofertar unha gran parte das súas compras. Quen son  socios de Panxea atoparán esta ampla oferta a un prezo rebaixado.
Notades se segue a vincular comercio xusto con produtos caros?
Cómprenos  reflexionar sobre o feito de que a parte de renda que destinamos á  compra de alimentación é a menor da historia, sobre un 20% do total.  Cómpre facer unha reflexión sobre onde gastamos e veremos como creceron  de forma considerable os gastos destinados ao automóbil ou ás  telecomunicacións, por non mencionar as hipotecas. Que cada quen faga as  contas de canto dedica a cada apartado do seu salario. Despois estaría  apostar por un comercio sostible. Por outra banda, e aínda que pareza  mentira, en relación calidade-prezo o comercio xusto non só é  competitivo, senón que nalgúns casos mesmo é máis barato. Un exemplo é o  chocolate: Nestlé promoveu a substitución do cacao por graxas,  “creando” un chocolate de calidade máis caro que o do comercio xusto. É o  que fixo foi baixar a calidade do chocolate medio e vender o que facía  antes moito máis caro.
Pero, como comentabas  antes, abrides un local que pretende ser moito máis cunha tenda?
Pretendemos  acoller tres cousas: a tenda, o local social de Panxea e un local  social que sexa centro de recursos e local de referencia para as  asociacións que se movan en Santiago e no contorno. O centro de recursos  contará con todos os materiais que xa tiñamos, unido ao que compartan  os socios, co a idea de crearmos a medio prazo unha “cousateca”, que nos  permita centralizar e compartir o que nós temos nas casas. Xa nas  reformas previas á apertura vimos como, só pensando en ferramentas, isto  pode ser de gran axuda. Quen non ten un trade que nunca utilizou? Por  último, o local está aberto a outras organizacións, e xa temos dúas  que  o utilizaron como local físico, AIS O Peto e SODEPAZ, pero tamén esta  aberto a calquera actividade doutras organizacións, charlas, obradoiros,  etc.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto