 
A actualidade do “Asunto Prisciliano” maniféstase na boa acollida que está tendo o libro de Victorino Pérez Prieto sobre a súa presenza na cultura galega. Un libro que se le ben. Xa antes o noso irimego maior, Pepe Chao, fixera un libro-proposta: “Prisciliano, profeta contra o poder”. O Prisci, como Tori ou Pepe, xa semella desta casa.
No século IV a Gallaecia Romana   –máis extensa que Galicia- estaba no centro do mapa mundial, dun  mundo que se escribía en latín. Non só exportamos emperadores e papas,  senón poetas, peregrinas escritoras e, ademais, ao gran líder espiritual   do momento: Prisciliano.   
Tori di que en cousas como  Irimia e as Romaxes sobrevive o priscilianismo. Hai demasiados elementos   simpáticos en Prisciliano como para non apreciar o eloxio.  Era  un líder asceta, de talla intelectual, molesto pola perda de virxindade  da Igrexa en mans do Imperio, creador de comunidades –metodicamente,  traballosamente, “en rede” que diriamos agora-, que daba protagonismo  á muller, vexetariano e moi libre. Foi acusado en falso das cousas  máis noxentas. Deu proba da súa boa fe dando a cara e acudindo ás  autoridades a peito descuberto. Un emperador golpista –Máximo-, para  agradar as xerarquías católicas, decapitouno en Tréveris.  
É probable que no  priscilianismo  haxa moitas cousas, máis ou menos gnósticas, con formatos filosóficos  que nos resulten agora arredados e alleos, seguramente moi dualistas,  con iso de carne perversa e a alma divina. Son épocas.  
Pero hai conexións. A primeira  é a procura da enxebreza e a rebeldía contra unha forma de Igrexa  imperial, corrupta. Por iso que, paradoxalmente, estou certo que  Prisciliano  subscribiría un manifesto pola liberación de Xacobe o apóstolo máis  manipulado da Historia, e pola definitiva retirada de calquera símbolo  do Santiago matamoros, como ese que está no curuto do pazo de Raxoi.   
Santiagos houbo tres. O Zebedeo   é imposible que estea en Santiago. Pero era mariñeiro, gustáballe  o peixe asado, e iso é moi galego. Despois está Alfeo, do que só  sabemos era bo rapaz. E despois está o “irmán do Señor”, que,  na carta de Santiago, di cousas tan pouco “dualistas” como estas:   “A relixión limpa e sen lixo aos ollos de Deus é esta: mirar polos  orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación  deste sistema”. Esa é pura teoloxía da liberación, auguiña fresca  da que seguro que si bebe Irimia. 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto