'Deus xa nunca pasa por aquí' é un dos temas do novo disco do cantautor galego Miguel Alonso. Un álbume que sae baixo o título 'A noite dos cans', e que verá a luz no mes de xullo.   
  
  Na gravación deste tema, ademais de Miguel Alonso (que se encarga das voces, da guitarra eléctrica e dos teclados) participaron David Dapena (batería), Victor Méndez (baixo) e Javier Santana (guitarra eléctrica). Máis no espazo en MySpace de Miguel Alonso. 
  
  Este e os ghits anteriores na web de A Polo Ghit 2010.   
  
  
     Deus xa nunca pasa por aquí     Venres para esquecer promesas nunca cumpridas, 
  verbas para poder dicir o que non sei contarche 
  aneis para xuntar por contrato as nosas vidas, 
  mentiras cada día máis idiotas para non chamarte,     
  Noite pechada para non ver os estragos que os anos 
  fixeron no que xa nunca máis será o que era, 
  libros de contas para calcular os desenganos 
  dicir adeus non quere dicir que non te quixera.       
E nunca   crerei que os dous somos tan distintos   ao fin e ó cabo son só os instintos   que xuntan corpos e nos fan fuxir.   E pensa   o que queiras das miñas maneiras   garda a miña alma e as túas cadeiras,   que deus xa nunca pasa por aquí.   que deus xa nunca pasa por aquí.     Cancións de berce para nenas que xa non me queren tanto, 
  nubes de algodón para quen aínda hoxe é o meu amigo, 
  bicos sen alcol para as mulleres ás que nunca lles canto, 
  e que en noites de fin de festa virían comigo.   
  Café sen leite para espertar o teu corpo durmido, 
  luz da mañá para ensinarche as miñas verdades, 
  grolos de ron para acender lumes xa consumidos 
  e xuntar o que fomos e agora son só dúas metades.       
E nunca…     Non creas 
  que se me quedo isto volvería 
  ser como era cada día 
  antes do inferno que hoxe vexo en ti   
  Xa sabes 
  segundas partes nunca son boas 
  mellor esquece todo e perdoa 
  se coma sempre volvo mentir.     
E nunca…     Letra e música: Miguel Alonso