Érguese un pola mañá coas  noticias e escoita como, nun debate parlamentario sobre enerxía entre  un Zapatero en caída libre e un Rajoy pletórico de crise económica,  este espétalle ao presidente que o goberno non ten política enerxética  e que co das nucleares está preso de “prexuízos ideolóxicos”.  E así non hai maneira de que che sente ben o pequeno almorzo. 
				 
				
					      A dereita debería  tranquilizarse  e pensar, con responsabilidade, que se vai gobernar non hai que  esbardallar  con mensaxes que hipotecan, para mal, o goberno futuro. Porque, despois,   métense en leas como a lingüística galega, precisamente por estaren  presos do seu propio discurso electoral opositor (nada exento, xaora,  de prexuízos ideolóxicos!). 
 Cando eramos rapaces tiñamos  claro que co pan, e con varias cousas máis, non se xogaba. Eran liñas  vermellas. Agora as liñas son todas invisibles, e boa parte dos nenos  e nenas -e da clase política- “liberalizou” o falar que é  un primor. Pero non é bo: hai certas cousas que deberían ser  parte do consenso básico, do que se consolida institucionalmente,  constitucionalmente.   Deixar as nucleares e apostar  polas renovables –e polo aforro público e privado de enerxía- é  un deses consensos posibles. As galegas e os vascos, os veciños e os  sindicatos, os autónomos, os gais, a Igrexa, Pajín e Cospedal, Hernández   e Fernández, e mesmo Ramón e Cajal, deberían estar de acordo. 
   E xa non por un posible  Chernobyl.  Nin sequera porque  a mesma dereita mundial que nos leva a  inxustificables  guerras contra o Terror Organizado debería escoitar a xente coma o  doutor Lyman, da Union of Concerned Scientists, cando di que:  “se un equipo de terroristas se introducise nunha central nuclear  podería causar dano bastante como para provocar a fusión do núcleo  e un fallo na estrutura de contención de devastadoras consecuencias”.     O problema eternamente  irresoluble  é o do refugallo radiaoctivo. Ese que hai despois que andar a  trasladar e almacenar. Ese que ten séculos de actividade por diante.  Ese ao que unha persoa non podería estar exposto máis de 20 segundos  antes de pasar a formar parte, no alén, naturalmente, do eterno club  de fans de Rajoy. 
 Así que sentidiño e  cancelas no falar, que co pan e a vida non se xoga.