 
A entrega do Pedrón de Ouro 2010 a Camilo Nogueira fai xustiza a toda unha traxectoria de fidelidade e militancia intelixente pola dignidade de Galicia, dunha Galicia solidaria e dona de seu. Economista, político, parlamentario na Europa das nacións e dos pobos, participante activo no Foro Social Mundial, Camilo comezou a súa andaina nas loitas en Citröen nos anos sesenta e na Asociación Cultural de Vigo. Foi tamén parlamentario galego por Esquerda Galega e polo BNG, ademais de ensaísta e intelectual crítico e sagaz. Comentamos con el, aquí, un chisco do acontecer.
 
  Estamos en plena crise e o recorte  do gasto público, tamén social, chega de súpeto, despois de moitas  promesas en sentido contrario. Que se fixo mal?   
Creo que debemos salientar que a crise   da economía estatal só en parte se deriva da global, que por  outra parte non é tal, dado que afecta  ás economías máis industrializadas,  EUA e a UE - debedores dun poder financeiro dentro dun capitalismo  neoliberal  que condiciona perversamente a economía real-, e non  afecta a unha parte fundamental do mundo: China, India, Brasil. Afecta  incluso de  forma moi distinta a países do primeiro grupo, sendo   moi diferente a situación, poñamos por caso, de Austria  ou de Grecia.  Na mesma Galiza, cunha economía máis  exportadora, a situación non é igual que nas  comunidades autónomas máis debedoras dos problemas causados pola  especulación  inmobiliaria, 
 Dito  isto, a crise española  ten un compoñente moi particular, que  se ben emerxeu coa crise financeira global, aparecería de todas formas,  sendo responsábel de que o desemprego, que chega na UE e en EUA ao  10% dos ocupados, acade no Estado español a perto de 20%, con máis  de catro millóns de parados. A metade deles son consecuencia dunha  crise específica derivada da caída da construción e algún outro  sector de servizos, alimentados irresponsabelmente durante anos mediante   o endebedamento exterior e interior e por unha especulación  irresponsábel.   
Temos, logo dúas crises metidas  nunha.   
E cando se superar a crise global,  restará a específica do Estado español. Tardarase anos en superala,  debendo crearse dous ou tres millóns de postos de  traballo en sectores tecnoloxicamente máis avanzados, sen saberse que  vai ocorrer con boa parte dos actuais desempregados, dicilmente  integrábeis  na nova economía e en grande medida inmigrantes que teñen todo o direito   de ficar aquí.  Nos anos pasados houbo motivos para  desconfiar e pórlle remedio a un camiño moi equivocado, e non se fixo,   nin no tempo de José María Aznar -cando pretendía darlle leccións  a Alemaña, en tanto que favorecía un crecemento especulativo e gastando  os cartos que viñan da UE en proxectos ostentosos como o novo Barajas-  nin con  José Luís Rodríguez Zapatero, presumindo de alcanzar  a Italia en renda por habitante e de estar perto de facelo con   Francia. 
 Non podemos crear un estado social  que sexa sustentábel no tempo?  
O que hai que facer para asegurar  un Estado social sustentábel no tempo ten pouco  que ver coa propaganda e as intencións do  capitalismo financeiro e dos gobernantes que apoian de facto ese sistema   en contra dos intereses dos  traballadores e  mesmo en contra  dos empresarios e da economia real. Son  perfectamente compatíbeis  un desenvolvemento equilibrado, tendo en conta as transformacións de  cada tempo, e a conservación da mellora das conquistas do Estado do  benestar, sendo solidarios cos países máis pobres e respectando a  natureza.
 As criticas xerais ao Estado  do benestar (ensino, sanidade, pensións... de carácter público) proceden   dos que pretenden estender a esas áreas vitais os intereses privados  depredadores, procurando os máximos beneficios. 
     A crise actual, cando nace, parece  apuntar a malas prácticas por parte da gran banca. Pero a cidadanía  non termina de ver que se tomen medidas de control e de nova tributación   para os culpables. Aprenderemos e introduciremos melloras ou seguiremos  a depender da cobiza duns poucos?   
Esperemos que sí. Efectivamente,  as solucións que se pretenden tomar fronte  á crise tratan máis de recortar os dereitos sociais conquistados que  de estabelecer unha fiscalidade redistributiva,  por exemplo,  recuperando  o imposto sobre o patrimonio, incidindo máis nas rendas altas ou  loitando  firmemente contra o cancro da fraude fiscal.    
O BNG tivo a oportunidade de amosar  a súa capacidade de goberno durante o bipartito. Despois pasou o que  pasou. A “análise” oficial da derrota fala de inimigos externos  e dunha “mala comunicación” de todo o feito  á cidadanía. Non haberá algo máis para explicar aquel fracaso?  
Creo que o goberno bipartito e  particularmente  o BNG non souberon ou non quixeron estabelecer programas  ambiciosos que os diferenciasen, e que eran posíbeis  mesmo dentro do limitado autogoberno que temos. Limitáronse basicamente  a administrar o que existía. En lugar de gañar por centos de votos,  como era posíbel, perderon por un deputado, aínda gañando en votos,  como antes gañaran tamén por un deputado. 
 Respecto do BNG as posicións mantidas   foron consecuencia de decisións para min fondamente equivocadas tomadas  no principio desde 2001, cando aínda lograra ser a primeira organización   da esquerda, negándose a interpretar a nova realidade da sociedade  galega, máis preparada que nunca para o autogoberno, e non admitindo  a  necesidade de revisar a estrutura interna da formación política,  inadecuada e incomprensíbel para a xente. En lugar de tomar unha postura   politicamente avanzada e firmemente democrática, que incluíse un  incremento  da afiliación, o BNG asumiu unha posición acomodaticia, facendo visíbel  para a xente que renunciaban a converterse nunha forza hexemónica en  Galiza. Estaban máis preocupados  por ter  “peso en Madrid” que e na atención  ás necesidades da xente e  na construción do autogoberno nacional,  abríndose ao mundo.  
  En que medida PSOE e BNG saíron  feridos  despois do cambio producido? En que medida ese mal ten cura?  
Trátase de facer o que non se levou  a cabo entre 2005 e 2009. Na sociedade existen elementos políticos,  económicos, sociais e culturais para apoiar unha alternativa de goberno  á dereita. Mais, iso necesita unha preparación que non se albisca  e desde logo, outros protagonistas.  
Como ves o futuro de Galicia, a curto  e a longo prazo? Seguen vixentes os postulados  que mobilizaron a túa vida e a túa enerxía? Desde onde e como se  poderían ir construíndo alternativas? 
 
  Sufrindo aínda os efectos da grave  marxinación secular, sobre todo demograficamente, Galiza  é hoxe un país máis concienciado sobre o sobre o seu carácter nacional  e lingüístico, cunha lingua propria que ten ademais unha dimensión   intercontinental, un país urbano e industrial, mantendo abertas as  potencialidades agraria e mariñeira, que conta con natureza excepcional  e está  situado no centro do Atlántico. Debemos  desprendernos  da mirada proxectada sobre nós polo poder e a ideoloxía dominante  nun  Estado español que nega a  nosa historia,  tomándonos  como unha provincia española excéntrica. Temos que sabernos como unha  nación en Europa e no mundo, por nós mesmos. 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto