Nº25  Novembro 2009
  Contacto
	
	
 
 O peón é un xoguete, feito normalmente con madeira torneada, que na súa punta leva un cravo (ferrón), para que vire con xeito. Para bailar o peón suxéitase unha corda fina (piola ou baraza), enrolada sobre a parte máis ancha (barriga). 
  A fabricación dos peóns sempre foi traballo dos artesáns. Na actualidade xa é un labor especializado, que se foi tecnificando co paso do tempo. 
  Estes enredos bailan mellor dependendo do material usado na súa fabricación; así, con madeiras máis pesadas (buxo, carballo, aciñeira) son máis estables e serán máis apreciados. 
 	 	  
   
  As tipoloxías de peóns son moi variadas, mais pódense agrupar en tres modelos: 
  -Bailaretes (danzaricos): son pequenos e bailan cun movemento de rotación realizado coas puntas dos dedos índice e polgar. 
  -Peóns (buxainas, trompos, pións): fanse xirar mediante unha corda enrolada no corpo, despois de seren lanzados coa man 
  -Bébedas: bailan azoutados por un cordón atado a un pau, a xeito de látego. 
  Tamén os hai que son accionados con diferentes mecanismos (cremalleiras, muelles ...) 
  Nun pasado remoto, os peóns eran obxectos máxicos; os bruxos e adiviños usábanos para ver o futuro. Despois perderon este carácter, converténdose nun xogo popular e tradicional, practicado en todo o mundo. Xapón é o país onde podemos atopar máis formas e variedades de peóns, superando as mil, con formas e medidas moi diversas. 
  Na nosa terra, hai un dito, “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, que indica o costume que sempre houbo de comezar cada ano a bailar os peóns no mes de Novembro. Continuaba dicindo “Polo Santo Amaro, peóns ao faiado”, o que indicaba que no mes de Xaneiro se gardaban ata outro ano.
 
 
Brinquedia, é unha entidade que coordina a colectivos promotores de xogos e deportes tradicionais. Está formada por asociacións de diversa índole, centros de ensino, clubes de deportes tradicionais, concellos, empresas, movementos de renovación pedagóxica, museos, particulares …  
    Entre outros obxectivos persigue o de realizar actividades de recuperación, divulgación e fomento dos xogos de sempre. 
Por este motivo convoca e organiza un ano máis o Día do peón, coa finalidade de contribuír ao asentamento deste xogo que ten un carácter basicamente estacional.  
  Para o labor de introdución do xogo do peón nos distintos centros escolares galegos distingue tres fases ben diferenciadas:  
 	 	  
   
  Traballo previo ao 11 de Novembro:    
  Ensinar a bailar o peón
 Deseñar nas aulas cartaces alusivos a esta actividade
 Informarse do nome deste xogo en diferentes países
 Enviar a ficha de participación que aparece colgada na web de Brinquedia
 Ensaiar a canción “Fago o camiño”
   Actividades do 11 de Novembro: 
    Asistir ao acto central ou realizar no propio centro escolar as actividades propostas
 Ler o Manifesto escrito por Suso de Toro
 Convidar a persoas maiores a que participen nos actos programados
 Realizar diferentes exhibicións de habilidades cos peóns
 Interpretar a canción “Fago o camiño”, que aparece colgada na  web de Brinquedia 
    Labores para despois do 11 de Novembro:
   Continuar coa práctica cotiá de bailar o peón
 Marcar espazos fixos nos patios escolares nos que poder vivenciar este xogo
 Tentar crear unha exposición-colección de peóns que teña un carácter fixo
 	 	 



Brinquedia, entidade organizadora do Día do peón   
  O mellor “bailaor” de peóns    (Video de malabarismos en Costa Rica) 
  Construindo un peón   (Gravación do proceso a seguir para facer un peón) 
  Amics de la Baldufa, (fotos, vídeos, revista, tenda, actividades con peóns) 
  Saturnotruco. Web na que se poden adquirir peóns, entre outras posibilidades) 
  Empresa que comercializa e vende peóns 
  Curiosidades, ligazóns, historia, xogos de peón)