 
 
Logo do acordo o resto de grupos retiran as súas peticións. Quintana di que Zapatero podería cambiar a lei "mañá mesmo".
O Congreso constituirá antes do 10 de setembro a subcomisión da Comisión Constitucional que estudará a reforma da Lei Electoral e o voto dos residentes no exterior. Os grupos parlamentarios chegaron a un acordo esta cuarta feira na Deputación Permanente logo de que o PSOE mudase a súa postura. 
  BNG (Grupo Mixto), PP, CIU, PNV e ERC-IU-ICV retiraron as peticións para a celebración dunha sesión extraordinaria co fin de crear a citada subcomisión. Finalmente, haberá unha o 5 de setembro para definir a súa composición e que esta poida ser referendada no primeiro pleno do próximo período de sesións, previsto para os días 10 e 11. 
No entanto, BNG e PP insisten en que o Executivo español debería elaborar un proxecto de lei de reforma da lei a partir do texto aprobado polo Parlamento galego en xuño. O deputado popular Celso Delgado considera esta postura unha "coartada". "Se o goberno considerase urxente esta reforma, presentaría un proxecto de lei. Non caben escusas", apuntou. 
  
Sobran estudos, di Quintana 
Na mesma liña pronunciouse o deputado do BNG Francisco Jorquera, que incidiu na urxencia de "garantir a limpeza dos procesos electorais e o seu carácter libre, secreto e directo para os residentes no estranxeiro".   
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, advertiu nun acto en Vilalba de que a reforma do voto emigrante "o único que non precisa son estudos". Engadiu ademais que cómpre "unha reforma legal que teña garantías democráticas" e iso pódeo facer "mañá mesmo" o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, "sen necesidade de ningunha subcomisión de estudios".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto