 
 
CIG, STEG, CCOO e UGT exixen a retirada do documento por considerar que empeora a calidade do ensino e as condicións laborais.
As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO, FETE-UGT e STEG anunciaron a convocatoria dunha folga entre o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas de Galiza os días 9 e 10 de setembro. O obxecto da protesta é exixir a retirada da nova circular emitida pola Consellaría de Educación e que empeora as condicións laborais do persoal docente e a calidade do ensino.
A circular 5/2009 publicouse en xullo sen negociación previa coas partes implicadas, denuncian os sindicatos, e dita instrucións sobre o procedemento de admisión, matrícula e organización académica das EOI para o curso 2009-2010. As datas escollidas para a folga, o 9 e o 10 de setembro, coincidirán cos exames. O profesorado non puido levar a cabo protestas anteriormente, ao se producir o anuncio xusto ao comezo do período vacacional. 
  Ademais, os sindicatos critican que o Goberno modifique a anterior circular vixente, a 10/2004, negociada con outro executivo do PPdeG. En resumo, a folga convócase polo o feito de que non se consensuara a circular, que vai implicar o empeoramento da calidade do ensino e das condicións de traballo. Outra das queixas dos sindicatos é que a medida vai supoñer a redución do horario lectivo complementario, e que o profesorado terá que impartirlles docencia a catro grupos ordinarios, o que levará consigo a redución de arredor do 30 por cento do cadro de persoal dos centros. 
  As entidades convocantes da folga esperan que a consellaría retire a circular ou, cando menos, se sente a negociar cos sindicatos a súa modificación.
En Galiza hai 11 escolas oficiais de idiomas, nas que están matriculadas máis de 27 mil persoas.
 
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto