 
 
O Bloque presentou a iniciativa na xuntanza que mantiveron este luns co PSdeG para conformaren unha coalición de goberno, que estará dividida en oito áreas.
 
											O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Antón Bao
O BNG e o PSdeG de Lugo mantiveron esta luns a súa "primeira toma de contacto" co fin de conformar un goberno de coalición na Deputación provincial denantes de que teña lugar a investidura, prevista para o vindeiro sábado. Segundo Antón Bao, voceiro nacionalista na comisión mixta, "a negociación vai ser longa, non de trámite". 
A proposta presentada polo BNG baséase en dous puntos clave: primeiro, na definición do papel da deputación, que segundo os nacionalistas debe ser de "cooperación e non de competición" coa Xunta e cos concellos; e, segundo, na "democratización" do organismo que remate co "personalismo" e o "presidencialismo" que segundo os nacionalistas caracterizou a etapa de goberno de Francisco Cacharro Pardo. 
  
Representantes dos tres grupos 
Para conseguir esta 'democratización', o BNG propuxo que todos os grupos políticos con presenza na deputación -neste mandato PPdeG, PSdeG e Bloque- teñan representantes naqueles órganos dependentes desta, tal como as áreas de contratación, as xuntas de compras ou o Inludes (Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social). 
Neste senso, avogan por unha maior transparencia na xestión destes órganos, así como na concesión de axudas e subvencións que rematen coa actual "arbitrariedade".
"Contrapoder" 
Respecto ao papel que debe xogar a Deputación de Lugo, o BNG incidiu en que o "protagonismo debe ser para os concellos", mentres que o ente provincial debe servir para lles prestar axuda xurídica, económica ou urbanística a estes. 
Ademais, segundo os nacionalistas, a deputación non debe servir de "contrapoder" á Xunta, "tal e como estaba a suceder até o de agora", nin ten lóxica que haxa unha "duplicación de competencias". Este é o caso dalgúns hospitais lucenses ou da construción de parques industriais, ambas da Xunta, mais que tamén xestiona en Lugo o ente provincial. 
  
Oito áreas de goberno 
Por outra banda, se prospera a proposta presentada este luns, o goberno da Deputación de Lugo estará dividido en oito áreas: Facenda, economía e contas; Benestar social e igualdade; Promoción económica e turismo; Cooperación e asistencia aos concellos; Persoal e réxime interior; Cultura, patrimonio e deportes; Urbanismo e medio ambiente; e Infraestruturas. 
  Polo momento, non houbo un reparto de áreas entre os futuros socios de goberno, que pode que se concrete na segunda xuntanza deste mércores. O que si se dá por seguro é a distribución que haberá das tres vicepresidencias, segundo o acordado no pacto nacional asinado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana en Compostela: a primeira e a terceira para o BNG, e a segunda para o PSdeG, mentres que o presidente será o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto